Monday 29 de April de 2024

Os Consellos Territoriais de Participación Cidadá continúan esta semana na Gándara e en Santa Icía-A Solaina


Os Consellos Territoriais rematarán a vindeira semana na cidade. Así o recordou a concelleira de Participación Cidadá, Catalina García, que indicou que mañá terá lugar o programado no local social da Gándara, ás 18.00 horas e que o seguinte será o xoves 2 no local social de Virxe do Mar, no caso do de Santa Icía e A Solaina, tamén ás 18.00 horas, para rematar o programa o vindeiro 7 de xuño no local social do Paraxe, en Castro, ás 19.30 horas.

“A vindeira semana remataremos os catorce Consellos Territoriais programados dende o Concello, que se iniciaron o pasado 19 de abril na parroquia do Val e que se foron sucedendo semanalmente nos barrios e parroquias da zona urbana e rural da cidade”, apuntou García. A edil naronesa é a encargada de presidir os Consellos Territoriais, aos que tamén acoden outros representantes da corporación local e persoal técnico da Escola de Participación de Narón. “Queremos convidar á veciñanza da cidade a que asista a estes encontros, pensados para intercambiar opinións e coñecer de primeira man as actividades que realizarán no que resta de ano”, explicou.

Para poder asistir é preciso anotarse previamente enviando un correo electrónico á dirección: escolaparticipacion@naron.es ou chamando ao número de teléfono 603 865 413. As datas e horarios de cada unha destas convocatorias ao completo poden consultarse na web do Concello de Narón e nas redes da Escola de Participación.